mércores, 10 de febreiro de 2016

ARSENIO IGLESIAS, O FUTBOLISTA DA BAIUCA

     Arsenio Iglesias nace na Baiuca o día de Noiteboa de 1930. Fillo de labregos e o menor de nove irmáns (catro homes e cinco mulleres), dende moi cativo pasaría horas e horas correndo descalzo detrás das pelotas, que naquela hora se facían de trapo. Cunha familia tan numerosa, todas as mans eran necesarias para axudar na casa mais, o noso protagonista, sempre atopaba un oco para ir xogar ao fútbol cos maiores. "A miña infancia foi en tempos difíciles", recordábame non hai moito, falando con morriña daqueles longos días de verán dos primeiros anos cuarenta: "Aproveitabamos para xogar máis. Algunhas veces a pelota era de goma e outras había que facela de trapo. O caso era ter algo máis ou menos redondo ao que poder darlle patadas". "Xuntabámonos os rapaces de Arteixo. Faciamos dous equipos e montabamos a portería con dúas pedras. Xogabamos na estrada. Non había asfalto. Aínda que caeses, non che doía o corpo".

     Aos 13 ou 14 anos, apuntando xa maneiras coa pelota, disputaría algún partido co Penouqueira, entidade que nacera a raíz da desaparición de El Alba, o primeiro equipo que organizara partidos de fútbol na capital do concello, mais dun xeito moi irregular, se cadra un partido cada dous ou tres meses. Nada serio, xa que o equipo arteixán non estaba federado. 

     Aquel cativo pegado a unha pelota, que só vivía para o fútbol, tivo a sorte de que de cando vez o Deportivo ía a adestrar ao Balneario, ao carón da súa casa, e podía ver de cerca aos futbolistas, sobre todo ao seu gran ídolo Juanito Acuña, que en poucos anos acabaríase convertendo en compañeiro de vestuario. No recinto termal, Arsenio tamén viviría, durante a primeira semana de maio de 1945, unha experiencia inesquecible que marcaría por completo a súa infancia: con motivo da inauguración do estadio de Riazor, a selección española estivera concentrada durante varios días nos Baños de Arteixo..."naqueles anos os rapaces tiñamos que axudar a traballar nas agras e nas leiras, mais aínda así eu trataba de buscar un oco para ver os adestramentos no campo do Balneario. Lembro eses días coa ilusión que podía ter un neno de poder ver a tantas celebridades xuntas e tan estimadas, na miña vila natal. Para un rapaz coma min, que só vivía para o fútbol, ter en Arteixo durante unha semana aos mellores xogadores españois fora algo máxico. Recordo con especial cariño a Eizaguirre, o porteiro vasco do Valencia. Daquela sentía unha admiración tremenda polos porteiros. De feito, o meu ídolo por aqueles anos era Juanito Acuña, un home que tiña A Coruña aos seus pés. Ademais estaban César, o dianteiro centro do Barcelona; Gaínza; o mítico Zarra; Pedrito, o defensa do Deportivo...en fin, fora unha gran fortuna poder ver os adestramentos dos mellores xogadores nacionais. Como digo, fora algo máxico”.

     No ano seguinte, en 1946, Arsenio matricúlase na Escola de Mestría na Coruña. Tiña menos tempo para xogar, mais non deixaría o fútbol porque non tiña mellor divertimento que o de lle dar patadas a un balón. É aí, nesa época, cando ficha polo Ciudad Jardín, equipo do fútbol modesto coruñés no que milita un ano e no que o rapaz arteixán comeza a destacar pola súa forma de xogar e pola súa gran forza. Nel fixaríase o abogado carballés Antonio Vázquez Mouzo, un home providencial na súa vida (co tempo padriño da súa boda e de un dos seus fillos), unha especie de "pai espiritual" que o levaría a fichar, con dezasete anos, polo Bergantiños, que daquela xogaba na Serie A Rexional, categoría equivalente a actual Terceira División. Foi en Carballo onde comezaría a xogar algo máis en serio. O equipo era evidentemente amateur pero tiñan un bo réxime de adestramentos. Naqueles tempos Arsenio compaxina os seus estudos co traballo na montaxe da liña dos Trolebuses Coruña-Carballo e tamén faría algunhas gardas na subestación de Lañas, gardas que nalgunhas ocasións, facíallas o seu amigo o Sr. Cristovo para que poidese ir adestrar co Bergantiños.

     Vicente Leirachá, daquela un xoven xornalista deportivo, que andando no tempo acabaría sendo un dos seus mellores amigos, prenderíase das habilidades daquel chaval nun partido amigable disputado en Carballo entre o Bergantiños e o Varela Silvari, un modesto club da Coruña do que Leirachá era directivo. Naquel partido o once bergantiñán gañara 6-2 e Arsenio marcara catro goles. Coa súa rapidez, bo regate e cun gran sentido da verticalidade para encarar a portería, víase que ía chegar lonxe no mundo do fútbol.

     Non só sería Leirachá quen quedara sorprendido do potencial do rapaz de Arteixo, rapaz ao que en pouco tempo lle cambiarían os seus plans de converterse en perito industrial xa que, a súa vida, experimentaría un vertixinoso acelerón que non tardaría en convertelo en futbolista profesional.
Caricatura de Arsenio dos anos 50

     Ao ano seguinte, fíchao o Fabril e ,tras media ducia de partidos, pasou ao Xuvenil, equipo que co tempo chegaría a xogar en Segunda División e que, naquel intre, era o filial do Deportivo.

     Case sen darse conta, Arsenio viuse no primeiro equipo. A principios da tempada 1951-52, cando se preparaba para un desprazamento co filial, recibe un aviso de que o reclamaba Eduardo González "Chacho", o mister do Deportivo, para formar parte da convocatoria do partido que os deportivistas tiñan que xogar en Riazor contra o Atlético Tetuán. Arsenio non participaría naquela ocasión mais, unha semana despois, Chacho faríao debutar no vello campo de Les Corts contra o F.C. Barcelona. O Deportivo perdería aquela tarde 6-1, mais Arsenio, no seu debut, marcaríalle un gol ao lendario Ramallets e, posteriormente, debutaría en Riazor frente ao Español (3-1). O arteixán empezaba a ser alguén no mundo do fútbol e non tardaría en firmar o seu primeiro contrato como profesional: o seu primeiro soldo co equipo deportivista foi de 800 pesetas ao mes, que lle subirían pronto a 1.500 e unha prima de 12.000 por tempada.

     A seguinte campaña, a 52-53, marcaría especialmente a súa traxectoria deportiva. O equipo estaba dirixido por Eduardo Toba, ao que sustituirían primeiro o mexicano Manuel Casal e despois Fernando Fariña sen poder evitar que o club herculino tivera que defender a permanencia na Primeira División nunha liguiña frente ao España Industrial (filial do F.C. Barcelona), Celta, Avilés, Hércules e Atlético Tetuán. Os deportivistas conseguirían o obxectivo de salvar a categoría contando co concurso do mago Helenio Herrera ao frente do equipo deportivista, un técnico arxentino que influiría notablemente na vida deportiva de Arsenio.

     O futbolista de Arteixo continuaría nas filas branquiazuis ata completar cinco tempadas en Primeira, nas que sempre mantería unha gran regularidade, bo facer que o levarían a disputar un partido coa selección "B" española en febreiro de 1955 e tamén a despertar o interés do F.C. Barcelona para facerse cos seus servizos.
El Ideal Gallego, 17.2.1955


     Helenio Herrera, do que Arsenio garda moitos e moi bos recordos, lévao na tempada 57-58 ao Sevilla, que fora subcampeón de Liga na campaña anterior. Acababa de casarse con Carmen, a súa moza de Loureda, tiña vinteseis anos, chegaba a un club que esa mesma tempada ía a disputar a Copa de Europa e, por riba, reclamárao o adestrador de moda ¿Que máis se podía pedir? O Real Madrid tamén intentara a súa fichaxe, mais os hispalenses chegarían finalmente a un acordo co Deportivo incrementando a oferta ata un millón das antigas pesetas e a cesión de dous xogadores, Liz e Arenas. O asfixiante calor sevillano ou a morriña ou ambas cousas á vez impedirían a Arsenio facer un bo papel no club hispalense e a súa estadía alí sería o seu primeiro fracaso. O seu baixo rendimento levaríao a disputar só oito partidos nos que marcaría dous goles.O único positivo da súa curta etapa no equipo sevillista foi o seu bautismo internacional ao disputar tres eliminatorias da Copa de Europa.

     Na 58-59, da man de Alejandro Scopelli, o adestrador arxentino que levara ao Deportivo ao subcampeonato ligueiro da tempada 49-50, Arsenio inicia un periplo de seis tempadas no Granada. Co once granadino, co que chegaría a disputar a final da Copa do Generalísimo de 1959 frente ao F.C. Barcelona (final que perdería o Granada por 4-1 e na que Arsenio sería o autor do gol), o arteixán xogaría ata mediados da tempada 1963-64, que foi cando ficha no Oviedo de Eduardo Toba, o adestrador de Muxía. Alí, no equipo ovetense, Arsenio colgaría as botas aos 34 anos deixando o fútbol activo no último partido da tempada 1964-65 no que os asturianos se xogaban a permanencia en Primeira en San Mamés ante o Athletic Bilbao. Faltando dez minutos para o final, Arsenio anotoba de xeito maxistral o 0-1 e o Oviedo conseguía o seu obxectivo. Curiosamente, Ramalletes e Iribar, dous mitos da portería, foron o primeiro e último porteiros que o noso xogador máis popular bateu como futbolista de alta competición.

Arsenio, na súa etapa no Granada










 FONTES:
-"Arsenio. El fútbol de El Brujo". Xosé Hermida.
-"Arsenio. El factor humano". Bieito Rubido.
-"Historia do Deportivo".Xesús Flores/Xosé Mejuto





Ningún comentario:

Publicar un comentario