mércores, 3 de febreiro de 2016

O NAUFRAXIO DO PESQUEIRO FRANCÉS "GENEVIEVE DE GALARD"

      Ás 10:30 da mañá do 11 de xuño de 1969, o lagosteiro francés "Genevieve de Galard" partía da localidade de Audierne, na Bretaña gala, cara o porto de Vigo, cidade onde o seu armador e patrón Yves Peron, tiña previsto mercar aparellos para despois dedicarse á lagosta no litoral galego, práctica que os pesqueiros franceses viñan facendo desde había xa bastante tempo (en Arteixo, sábese que a principios do século XX mercábana en Suevos e depositábana a bordo dos seus pesqueiros, providos de viveiros, para posteriormente vendela no seu país).

     A bordo ían sete mariñeiros: Jean Alain Coquet, de 32 anos; Clet Garval, 49; Julien Danzé, 35; Albert Perhirin, 17; Jacques Cabillic; o maquinista e copropietario do barco Laurent Cajean, de 48 anos e, o citado Yves Peron, que tiña 47. Excepto Julien Danzé, todos estaban solteiros e os sete vivían en Plogolff, na Fisterra gala. Tamén levaban unha mascota, o can "Loron".

      O pesqueiro tiña 36,54 toneladas de rexistro bruto; 15 metros de lonxitude de popa a proa; 5,30 de manga; 3 de puntal e posuía un motor de 150 cv. Laurent Cajean e Yves Peron mercárano había xa catorce anos, en 1955, e decidiran pórlle o nome de “Genevieve de Galard”, na honra da enfermeira das Forzas Aéreas Francesas que, entre marzo e maio de 1954 convertiríase nunha heroína pola súa coraxe e dedicación ás tropas no conflicto bélico que os galos mantiñan na Indochina, o actual Vietnam.

      O percorrido polo Golfo e polo Cantábrico durante os dous primeiros días da viaxe cara a cidade olívica, decorre sen nengunha incidencia, con bo estado do mar e tamén bo tempo. Mais as condicións climatolóxicas cambiarían na madrugada do venres 13.

      Xa en augas galegas e pouco despois de pasar á altura da Torre de Hércules, unha mesta brétema imposibilita a visibilidade ao patrón Yves Peron, dificultándolle seriamente a navegación do seu barco. Non se vía nada, mesmo na cuberta non era doado ver os obxectos máis próximos. Pouco antes das 2:00 da madrugada, o “Genevieve de Galard” navega á altura da Punta Langosteira. De súpeto, uns minutos máis tarde, cando a maioría da tripulación xa durmía, un ruído trepidante desperta aos mariñeiros, que subirían de contado á cuberta. No medio da confusión, os sete bretóns decátanse de que o barco quedara preso entre unhas rochas e que se basculaba de proa, feito que facilitaba a entrada de moita cantidade de auga. Eran as 2:15 horas e embarrancaran no Rañal, na zona das Aguieiras. En consecuencia, Yves Peron organiza rapidamente as tarefas de salvamento, aínda que a néboa dificultaba de xeito considerable as operacións. Peron ordena largar o pequeno bote salvavidas, ao que todos suben, deixando abandonado o “Genevieve”. O único que non procurou o refuxio do bote foi “Loron”, xa que preferiu lanzarse á auga, desaparecendo logo entre a néboa. Todo fora moi rápido e os sete mariñeiros mal tiveron consciencia do que lles acontecera!.

      Nun primeiro momento, non souberon que facer. Se remasen corrían o risco de afastarse da costa, agravándose a situación notablemente xa que a densa brétema continuaba impedindo ver absolutamente nada e, por riba, só tiñan un remo. En vista de que o mar estaba tranquilo, deciden agardar á alborada, pensando que aos poucos iría desaparecendo a néboa que os rodeaba naqueles momentos.

      Tras pasar máis de catro horas no bote, por volta da 6:00 viron unhas afastadas luces de terra e comezan a remar cara elas. Estas luces eran as das obras da Central Térmica de Sabón, que Fenosa había pouco tempo que principiara a construír, e serían as que conducirían aos mariñeiros franceses até a praia de Alba, lugar onde quedou varado o bote salvavidas. Así que chegaron ao areal levaríanse unha gran sorpresa. O canciño “Loron”, ao que xa daban por desaparecido, chegara nadando antes que eles, sen dúbida guíado polo instinto, e agardábaos todo alborozado e dando saltos de alegría. Os seus ladridos foron o sinal de benvida. Despois da ledicia de “Loron”, os sete homes deixan o areal de Alba e camiñan cara a aldea do Rañal por diante das instalacións da fábrica de conservas A.& J. Salgueiro, hoxe convertidas en aparcadoiro. Entran no bar da aldea, o “Café Bar Chucho”, unha pequena tasca que rexentaban Jesús Souto e Amelia Naya. Eu cando os vin quedei impresionada...que facían sete homes estranxeiros tan cedo no meu bar? Preguntábame...eles facíanme debuxos, escribíanme, falábanme...mais eu non lles entendía nada, non sabía o que me querían decir”, contábame Amelia en febreiro de 2011.

Os sete mariñeiros franceses e o seu can "Loron" (La Voz de Galicia)


     Ante a imposibilidade de que se entenderan coa propietaria da tasca, os mariñeiros galos deciden dirixirse cara ao mesmo punto de onde saían aquelas luces que os conduciran até o areal de Alba e que pertencían á sinalización das obras da Central Térmica. Aquí terían máis sorte, xa que o persoal das obras de Fenosa atenderíaos con toda amabilidade, servíndolles varios cafés e coñacs para reanimalos. Uns minutos máis tarde, presentábase naquel lugar a Garda Civil de Arteixo e pouco despois, avisados pola benemérita, tamén apareceron o tenente de navío da Comandancia de Marina, Manuel Goyanes, e os axentes do consulado francés María Dolores Udaondo e Manuel Teijo Barinaga. Posteriormente, todas estas persoas, acompañadas polos sete mariñeiros bretóns, encamiñáronse, partindo de Sabón, na procura do “Genevieve de Galard”.

     Actualmente podemos pasear a carón do mar polo paseo marítimo mais, naquela hora, o percorrido polo litoral non era doado. Tras pasar polo Paiolo e A Ermida, chegan até a zona da Bogueira (onde está o telescopio do paseo), lugar dende o cal xa se podía ver a silueta do pesqueiro, que estaba a uns 800 metros da costa, afundido de popa. O mar, logo de retiralo das rochas das Aguieiras, forao levando cara ao oeste, cara a zona da Area da Salsa e Repibelo onde, despois de ver que o seu pesqueiro tiña poucas posibilidades de ser rescatado, todos quedaron moi afectados, especialmente o patrón Yves Peron, que non se acababa de recuperar da forte impresión recibida.

      Pouco despois, e acompañados polas autoridades, voltan de novo á tasca de Amelia Naya que, desta vez sí, despois das explicacións oportunas dos alí presentes entendeu o que lles acontecera aos náufragos franceses. Laurent Cajean e Yves Peron pediríanlle a esta muller e ao seu home, Jesús Souto, que lles deixasen gardar na súa propiedade o bote salvavidas (que foran a buscar á praia de Alba, onde quedara varado) e, que tamén se fixesen cargo durante uns días de “Loron”, peticións que aceptarían os propietarios do “Bar Chucho”. Neste establecemento do Rañal, os sete homes xantarían e tomarían café antes de que o cónsul de Francia na Coruña, Francisco Dotras, se responsabilizase definitivamente da situación e os aloxase nunha pensión da Praza de Lugo mentres agardaban a súa repatriación.

      Na maña do día seguinte, sábado, a compañía aseguradora do “Genevieve de Galard” contacta coa firma Extrasa, dedicada ao salvamento de barcos, co fin de que o persoal desta empresa efectuase un recoñecemento do lugar no que se encontraba o pesqueiro e así estudar as posibilidades de rescate. Nese mesmo día, un equipo de mergulladores trasládase a bordo do remolcador coruñés “María Pita” até as inmediacións do barco que, por causa da maré, fórase desprazando cara a costa de xeito considerable, estando neses instantes moi perto da Area da Salsa. Mais o remolcador, que xa non se podía achegar máis ao pesqueiro sinistrado, tivo que voltar atrás por mor dos disparos de aviso que lanzou a Garda civil de Costas, que mantiña un servizo de vixilancia de terra para evitar roubos. A benemérita non tiña ordes de permitir o achegamento de persoal ningún ao “Genevieve” e dispararon para o ar en sinal de aviso. O persoal do remolcador, que nese momento non tiña outra misión que a de avaliar a situación, non tivera necesidade de se dar a coñecer polo que o “María Pita” regresaría ao porto coruñés.
Varios tripulantes do "Genevieve de Galard" (o do can é Yves Peron) co persoal do consulado (El Ideal Gallego)
      A empresa de salvamento contactaría coas autoridades da Marina coa finalidade de denunciar o acontecido e, unha vez esclarecidos os feitos, o persoal voltaría o domingo (esta vez por terra) até O Rañal e levaríanse unha sorpresa, xa que o mar movera de novo ao pesqueiro, achegándoo até a praia de Repibelo, a carón da Arbosa, quedando embarrancado moi perto da beira. Este feito sería aproveitado polos mariñeiros galos, que accederían ao barco unhas horas máis tarde, aproveitando a marea baixa, para recuperar as pertenzas persoais, telefonía, todo, mesmo o diñeiro co que os armadores ían comprar aparellos en Vigo.

      O costado de estribor do “Genevieve de Galard” quedaría completamente esnaquizado, o que fixo que o seu casco se dese totalmente por perdido, motivo polo que con posterioridade a empresa Extrasa desmantelaría os seus restos previo acordo coa aseguradora do barco.

      Antes de ser repatriados para Francia, Yves Peron pasaría pola tasca do Rañal a buscar o seu canciño “Loron”, que xa levaba uns días na casa de Jesús Souto e Amelia Naya. Segundo contaba Amelia en febreiro de 2011, Peron daríalle ao seu home o bote salvavidas, un bote que acabaría uns meses máis tarde nos Caneiros de Betanzos...”Pepe de Aldao, un cliente noso do bar que casara en Betanzos mais que viña a miúdo por aquí xa que era da Pedreira (aldea desaparecida que estaba pola zona onde hoxe está o muiño de Inditex e a Schweppes), enterouse de que Chucho, o meu home, tiña o bote dos franceses e díxolle que estaba interesado en mercarllo. Eu non sei o trato que tiveron. Do único que me lembro é que un día chegou Pepe e mais o seu sogro nun camión e levaron o bote para Betanzos, seica era para Os Caneiros”.


Ningún comentario:

Publicar un comentario