domingo, 21 de agosto de 2016

MANUEL SOUTO "LITO", O GAITEIRO DO RAÑAL

Lito no casamento do seu sobriño Luís
     Unha das fotografías que máis me gustan do meu álbum familiar é esta da esquerda. Aí me tedes, cos meus 5-6 anos, todo fachendoso na boda dos meus veciños Luís e Oliva, a piques de cruzar a barreira do son do tamboril e da gaita de Manuel Souto Souto, que é de quen vos vou a falar a continuación.

    Manuel, ao que todo o mundo coñecía polo apelativo de Lito, nacera no Rañal nos primeiros anos 10 do século pasado e era fillo de Fernando e de María, pais de seis cativos máis: Mercedes, José, Indalecio, que co tempo emigraría a Sudamérica, Xaquín, Jesús, que xunto a súa muller Amelia rexentaría durante catro décadas o Bar Chucho do Rañal, e Antonio, que acabaría sendo sogro do seu irmán Jesús (casara coa nai -estaba viúva- de súa cuñada Amelia), unha historia que daría para un culebrón venezolano da que xa vos falarei noutra ocasión.

     Lito abandonaría o seu Rañal natal ao casar en Arteixo con Marina, que era irmán de Concepción, a muller do carteiro Enrique "Perucos" e, polo que nos conta Julio Mancebo no seu blogue "A miña Baiuca", gañaríase o pan como zoqueiro: "Lito era un home pintoresco. O seu oficio era zoqueiro. Lembro que mercaba un abeneiro ao pé do río, serrábao, facía turoletes e levábao para diante da porta. De cada turolete saían dúas plantillas para un par de zocos. Vinlle facer tantos que xa case sabía o oficio. Encantábame verlle traballar a madeira con tanto tino que me parecía sinxelo e máxico ver nacer, paso a paso, un par de zocos. A min Lito parecíame un artista. Mentres traballaba contábanos historias de mozas e dicíanos que tiña apuntados nunha libreta os nomes de todas as rapazas que pasara pola pedra".

     Na miña casa moito se ten falado del. Miña avoa Carme alcumábao "O Cazolo". O porqué deste nome nunca nolo dixo. Só nos contaba que cando estaba solteira, Lito pretendera conquistala, mais iso si, nunca chegaran a nada xa que ela estaba toliña polo avó Milio, con quen casaría en 1935.

Lito coa súa gaita
   Na mecánica de toda festa está sempre a nota anecdótica e, como é lóxico, en Arteixo non podía faltar: nada menos que case trinta anos botaría o noso protagonista tocando a alborada polas rúas da vila nos días de festa. De pernas tortas, pequeno de estatura mais de grande corazón, moi mañoso e boa persoa, todo o mundo lle tiña moita estima pola alegría que lle daba á vila co son da súa gaita, que aprendera a tocar de oído. Dáballe o mesmo tocar nas festas de Arteixo, que nas de Lañas, Loureda ou calquera outro punto do concello. Dicía que... "nunca cobrei un peso. Toco desinteresadamente polo cariño a Arteixo, por que son de aquí e por que me gusta: sarna con gusto non pica, aínda que iso sí, en ocasións mortifica". A súa presencia era popular e familiar para propios e extraños. Sombreiro en ristre e coa súa gaita (tamén tiña un acordeón co que ía polos bares da vila preguntando se querían que tocase unha peza), Lito acompañou durante media vida á banda de música de turno ata finais dos anos 70, nos que xa só se limitaba a tirar os foguetes. 

     O gaiteiro do Rañal, que acabaría traballando coma xardineiro municipal, posto no que crearía o xardín que hai na parte traseira da Casa do Concello, falecería en 1990 aos 79 anos, mais o seu espíritu segue estando moi vivo en Arteixo grazas a gaita coa que acompañara a alborada durante tres décadas, unha gaita que ten detrás unha historia rocambolesca. 
   
A gaita de Lito
    Segundo nos contou Manolo, o que tiña o Bodegón Núñez, trala morte do gaiteiro o seu instrumento musical, que debería ser "a herdanza" do seu sobriño Luís Souto, chegaría misteriosamente ás mans do propietario do bar O Relojero de Chamín, un home que lle acabaría levando a restaurar a devandita gaita a Jesús Miranda, que leva máis de vinte e cinco anos fabricando e restaurando instrumentos. Mais cando Miranda lle pasou a factura do traballo de restauración ao Relojero, este seica lle dixera que non a quería e que podía quedar con ela. E alí, no taller do fabricante, a gaita permanecería durante un tempo ata que, pasados uns anos, Manolo o do Bodegón Núñez  enterouse da historia e mercoulla a Miranda, un Manolo que na actualidade segue conservando o instrumento musical ao mesmo tempo que axuda, cos seus contos do Arteixo de antano, a manter vivo o espíritu de Lito, o gaiteiro do Rañal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario