sábado, 3 de marzo de 2018

O NAUFRAXIO EN SUEVOS DO VAPOR ALEMÁN "TRIER" NO VERÁN DE 1902

      Nas rúas do barrio coruñés de Santa Lucía rumorexábase, nas primeiras horas da tarde do domingo, 6 de xullo de 1902, que un vapor alemán que se dirixía cara a América embarrancara perto da praia de Bens. Eran as primeiras novas do sinistro do "Trier", novas que pasaran case inadvertidas na cidade herculina por ser día festivo.

     Ao mando do capitán M.A.Gohrke, o "Trier" zarpara de Bremen (cidade na que estaba matriculado) para facer singradura cara á Habana e Veracruz con 54 tripulantes e tres pasaxeiros: dous de terceira clase, Paulo Fendius, reloxeiro brasileiro que se dirixía a Keywest (Cuba) e Oscar Peine, xastre de Berlín que viaxaba á Habana, e un de primeira, a alemá Elda Cooper que ía casar na Habana. Antes de atravesar o Atlántico, o vapor alemán tiña que facer escala no porto belga de Antuerpe, de onde sairía ás catro da tarde do xoves 3 de xullo e, no da Coruña, onde tiña previsto recoller seis pasaxeiros e vinte toneladas de carga, consistente na súa maioría en patacas e conservas. No cargamento que xa transportaba da Alemaña, predominaba unha gran parte de sacos de cemento e de arroz, e outra de paquetes de papel secante ou para embrullar, mais tamén levaba vaixelas de porcelana e de prata, caixas de espellos, máquinas de coser, navallas de barbear, mobiliario, mantas, viño, unha máquina trilladora que ía para Tampico (México), latas de comida en conserva, cortizas, latas de pintura e queixos.

     O "Trier" fora construído en 1898 en Bremen, e tiña casco de ferro con fondo duplo e compartimentos estancos. O seu deslocamento bruto era de 3.168 toneladas, contando con 2.517 de rexistro. Tiña unhas dimensións de 308 pés de popa a proa, 42 de manga e 50 de puntal e, un calado de 24 pés. O vapor alemán pertencía á Nordeutscher Lloyd, que nesa altura rivalizaba coas máis poderosas compañías navais do mundo e, fora deseñado do mesmo xeito que o "Mark", o "Norderney" e que o "Wittekind", tendo tamén a mesma potencia (1.500 cabalos) que os seus tres "irmáns". Nun primeiro momento, a Lloyd destinouno a facer a liña da Alemaña para o Brasil, mais en novembro de 1901, a compañía establece servizo de vapores á Habana e Veracruz e destina o "Trier" a esta nova ruta.

     O luns 7 de xullo, xa coa normalidade semanal, confirmábanse os rumores que se escoitaran en Santa Lucía polo que logo se estendería a nova no resto da cidade, aínda que inicialmente non se sabía concretizar o punto exacto do sinistro..."detrás do Monte de San Pedro", dicían moitos. O barco alemán embarrancara no illote da Gaianda, lugar que nas cartas e planos da época aparecía como Cabo Lagosteira, mais que os mariñeiros chamábanlle Os picos de Nostián.

Imaxe do vapor Trier embarrancado na Gaianda
     O accidente fora un erro do capitán Gohrke xa que, por causa da espesa brétema existente, confundiu o Monte de San Pedro co Cabo Prior, montes que teñen un declive moi semellante cara o mar e con néboa é doado confundilos e, deste xeito, o "Trier" embateu coas rochas da Gaianda provocando un grande estourido.

    Aos poucos, irían aparecendo os veciños e veciñas da contorna, unha veciñanza que se achegaría ao lugar do sinistro ateigados, uns con eixadas, paus e ganchos, e outros con espingardas. Concepción Conchado, unha das testemuñas do accidente, sinalaba o navío persignándose..."eu estaba traballando na leira e vin vir o vapor cara á Gaianda. Fíxenme cruces. Arrenegado sexa o demo!. Mais veñen todos bébedos porque só así se explica!. A néboa abofé que era cerrada, mais ben se vían as rochas, e ademais este nen é rumbo nen é nada!. Sentín un tumbo moi grande. Miña Señora!. Botei a correr, e cando xa ía lonxe sentín como o demo este bruaba, bruaba..." Enrique Bello, outra das testemuñas e viciño de Borroa, levou o susto da súa vida. Estaba pescando na zona do Carruncho e a néboa impedíalle ver o horizonte. Entretido na pesca, levantou de repente a cabeza e asustouse ao ver defronte, rasgando a néboa, que avanzaba algunha cousa grande, negra, monstruosa. Ergueuse, esfregou os ollos e viu como sobre el, e a bastante velocidade, ía precipitarse "aquilo" que lle parecía inmenso, fantástico… Apañou a cana e o cesto de vime e comezou a correr, e cando se ía afastando, voltando atrás temeroso a cabeza, sentiu un estrondo como o dun cañonazo. O "Trier" acababa de encallar, batendo nas rochas do illote da Gaianda.

     As primeiras forzas en presentarse no lugar foron as do posto de carabineiros de Pastoriza, mandadas polo carabineiro de primeira José Martínez. Axiña chegarían máis autoridades da Coruña, entre elas o cónsul da Alemaña na cidade, Meyer, consignatario de todos os barcos da Nordeutscher Lloyd, e o seu representante Alberto Senz (que era cuñado de Meyer) e, de seguida, envían telegramas para trataren de conseguir o remolcador "Anita" e un vapor para o transbordo da carga. Gehrke confesa o seu erro ao cónsul e non tenta xustificarse. Está abatido, mais mesmo así, confiaba na marea chea e no auxilio do remolcador para saír de Suevos, cando fose alixeirada a tonelaxe do barco. A bordo, dispuxo que continuase a vida ordinaria para os pasaxeiros, xa que ningún deles quixo saltar a terra, aínda que se lles ofreceu, agardando que o "Trier" pudese continuar viaxe.


     Os auxilios requeridos polo cónsul acudirían en breve. Pouco antes do mediodía do luns, os vapores "Victoria" e "María Pita" chegaban á Gaianda remolcando dúas gabarras para a descarga da mercadoría do "Trier" e, nese mesmo día, xa transbordan 80 toneladas de carbón e de arroz que almacenan nun local próximo á fábrica de mistos Zaragüeta e noutro local na rúa Teresa Herrera. As negociacións cos propietarios do remolcador "Anita" non frutificarían mais, o martes 8, chégase a un acordo co vapor "Comercio", que recibiría 15.000 pesetas se conseguía salvar ao "Trier" e só a metade se fracasaba, finalizando o contrato ás seis da tarde.

Fábrica de mistos Zaragüeta

     No alto dos Picos de Nostián, ao longo dos carreiros do Regueiro, sobre a furna da Agudela e nas rochas próximas ao barco alemán, formigaba o persoal que chegaba das parroquias de Arteixo e da Coruña para ver o salvamento. A curiosidade vence toda prudencia e, mulleres e homes, descenden polas rochas até que lles salpica a espuma do mar. Comeza o remolque. Son momentos de moita ansiedade. A máquina do "Comercio" traballa a toda presión e o cabo metálico ponse tirante, ríxido...apreciándose a sacudida que imprime. Todo parece ir ben. De súpeto, o "Trier" érguese por fin. Xa non é o barco escorado que se vía momentos antes. A bordo, os tripulantes andan dun lado para outro executando ordes. As xentes dos Picos de Nostián lanzan berros de xúbilo entusiasmados, axitando sombreiros e panos. Mais subitamente, a violencia das ondas levan a popa cara a costa, cara un lugar moito máis baixo e quebrado. Toca a sirena do barco alemán e o capitán do "Comercio" dáse conta que é imposíbel continuar o remolque naquela dirección porque, se o fixesen, o "Trier" embatería contra as rochas. Cumpría remontarse máis para o norte, mais o temón do "Comercio" xa non podía virar máis nese sentido. O cabo do remolque perde a tensión e a seguir, enrédase nas hélices do navío alemán, escorando novamente. Sen dúbida tiña avanzado uns metros, mais ficara peor do que estaba: antes da maniobra descrita estaba a cen metros da terra pola popa e agora estaba moito máis perto. Faise unha nova tentativa para o remolque do vapor sinistrado, esta vez para o norte, polo que o "Comercio" muda de situación e achégase canto pode á Corveira. Durante tres cuartos de hora o remolcador traballa incesantemente, mais conforme pasa o tempo, íase perdendo toda esperanza de retirar o "Trier" daquel lugar. A néboa era tan compacta que a costa e o horizonte desaparecerían da vista das testemuñas do sinistro. Chegase ás seis da tarde e o contrato do "Comercio" expira. O capitán Abellá mandar arriar o cabo. A empresa do remolcador gaña 7.500 pesetas e non é posíbel facer máis para conseguir o total da cantidade estipulada.

     O mércores 9 téntase outro salvamento. Nesta ocasión é o vapor "Hércules", co capitán Manuel Romero ao mando, o que acude a Suevos. Estaba previsto principiar o remolque a partir das cinco da tarde, hora na que comezaba a subir a marea. Mentres tanto, continuábase alixeirando o "Trier". As gabarras proseguían co transporte de parte das mercadorías para Coruña e, outra parte da carga comézase a lanzar ao mar. Tíranse grandes caixas cheas de queixos, barricas dun metro de diámetro que contiñan quinquillaría e xoguetaría, e tamén infinidade de sacos de fariña. As xentes que curioseaban desde as primeiras horas do sinistro, facían todo o posíbel por apañar algunha destas mercadorías que a tripulación do "Trier" lanzaba a auga mais, incomprensiblemente, os carabineiros o impedían efectuando disparos para o ar. Principia o remolque, ao que finalmente se unen dous vapores máis, o "Victoria" e o "Anita" e tamén, o "María Pita" que, amarrado cun cabo á proa do "Hércules", servía de guía tirando deste e dándolle rumbo. O tirón simultáneo dos tres barcos é poderoso, porén o "Trier" non avanza. O "Hércules" fai desesperados esforzos. El só imprime máis forza que os demais vapores xuntos, mais todo é inutil. Chega o momento da marea chea e polo tanto a ocasión para o esforzo decisivo. Non obstante, a hélice do barco alemán deixa de funcionar e, definitivamente, non sae das rochas da Gaianda. Tiña asolagadas as adegas 2 e 3. As bombas de a bordo traballan incesantemente para achicar a auga, mais a tarefa non é doada. Tíranse máis mercadorías para o mar, entre elas a máquina trilladora que ía para Tampico, e outros moitos obxectos. Os pasaxeiros, intuíndo o futuro do barco, por fin se deciden a abandonar o "Trier" e soben a bordo do "Hércules", que os achega até A Coruña, onde a casa consignataria do cónsul Meyer encárgase do seu aloxamento.

     
Praia de Bens antes da construcción da Refinería de Meicende
O vapor alemán, tal como estaba, non necesitaba que se lle dese remolque. Cumpría dispor dun salvamento propiamente dito, traendo potentes bombas, cubrindo os furados do fondo, etc. E para iso telegrafíase ao vapor "Newa", que nese momento se encontraba en Xibraltar. Continuaban chegando infinidade de persoas até o lugar do sinistro, tanto por terra canto por mar para ver o barco e, moitas delas, burlando a vixilancia dos carabineiros, apoderábanse do que o fluxo das ondas deixaba nas praias de Bens e na de Suevos. Queixos, lentes, sombriñas, garrafas de viño, numerosísimas latas de comida en conserva e navallas de barbear xa se vendían polo camiño antes de entrar na Coruña e na Baiuca. O queixo, que era o artigo que tiña máis compradores, vendíase a 2,50 pesetas cada un. A pillaxe e o roubo estaban, nesas horas, á orde do día a pesar dos esforzos das autoridades que se viron novamente na obriga de efectuar tiros para o ar, coa finalidade de amedrontar os raqueiros e obrigalos a fuxir. No entanto, o roubo continuaba...

     Por mar, arredor do "Trier", navegaban numerosas embarcacións cheas de persoas que agardaban a ocasión para botarlle a man a canto pudesen. Este feito provocaría que o día 11 de xullo de 1902 foran detidas dúas embarcacións carregadas con numerosos obxectos do barco alemán: a "San José", con matrícula da Coruña e patroneada polo mariñeiro Francisco Pichel (a) "Ollo vivo", e a lancha "Manuel", con matrícula de Santa Cruz. Outra das embarcacións que rondaba perto do "Trier" era a "San Francisco", con matrícula de Caión, patroneada por José Freire Otuño e tripulada polos mariñeiros Evaristo Lareo, Ramón Muíños, Cristóbal Ventureira, José Antonio Vazquez e Basilio Freire, a cal tamén tería problemas coas autoridades, xa que despois de desobedecer a orde de atraque dos carabineiros, estes vense na obriga de efectuar fogo para o ar, co obxectivo de intimidalos. O cabo Manuel Vázquez repetiulles a orde de atraque, mais obtería o mesmo resultado. "Facédeos desembarcar de calquer xeito", ordénalle o cabo aos seus carabineiros. Un deles, José Noya, que estaba moi perto da "San Francisco", dispara un tiro acima da embarcación caionesa para unha nova intimidación, mais estes fan caso omiso. As intimidacións continuaron de palabra e como a teimosía dos de Caión era grande, Noya disparou de novo, ferindo daquela aos mariñeiros José Antonio Vazquez e o rapaz Basilio Freire (unha bala atravesou a perna dereita sobre o xoello de Vázquez, con orificio de saída baixo a rótula, tocando no ombro dereito a Basilio). Foi entón, cando os mariñeiros de Caión atracaron para posteriormente varios homes do barco deixaran a Vázquez, que manaba abundante sangue pola ferida, sobre unhas rochas, á espera dos auxilios do médico do "Trier". Os carabineiros incautaron o que había na embarcación e levárono para un almacén provisional que formaran na praia de Bens, onde gardaban o resto dos obxectos que lles apresaran aos raqueiros e outros que o mar tiña pousado nos areais e nas rochas.

    O que estaba a acontecer en Suevos era unha cousa insólita. Por un lado, as autoridades tentaban impedir que a xente se apoderase da carga do navío, para evitaren desa maneira o contrabando e, por outro, a tripulación do "Trier", despois de subir as mercadorías á cuberta, tirábanas indistintamente ás gabarras ou ao mar. Había pouca preocupación por parte dos mariñeiros alemáns da sorte que pudese correr todo. Apreciábase unha enorme falta de dirección e a confusión era notáble. Visto isto, era comprensible que a xente de terra non tivese reparo en recoller o que a tripulación do vapor alemán trataba con tan pouca consideración.

    O domingo,13 de xullo, chega de Xibraltar o remolcador inglés "Newa" (hai que sinalar que a tripulación do "Newa" organizaría dous anos máis tarde, o o 12 de marzo de 1904, un dos primeiros partidos de fútbol xogados na Coruña. O encontro disputaríase, segundo conta Fernando Patricio Cortizo en "Historia da costa galega e os seus naufraxios", na antiga praza de touros da urbe herculina e o rival era o Football Club Coruña, que en 1906 convertiríase no R.C. Deportivo) cuxo capitán, logo de comparecer no lugar do sinistro, sube a bordo para enterarse en primeira persoa das condicións nas que se atopaba o "Trier", que continuaba escorado de estribor. As potentes bombas do "Newa" comezan a achicar a auga que tiña o barco alemán nos compartimentos estanco, e dous mergulladores do remolcador descenden varias veces para ver o xeito de tapar provisionalmente os furados que as rochas abriran no casco. O alixo da carga continuaba como nos días anteriores: 205 obreiros ocupábanse de cargar nas gabarras as mercadorías que despois transportaban até os armacéns da rúa Teresa Herrera e no que había próximo á fábrica de mistos de Zaragüeta.

Illotes da Gaianda e, na dereita, a Furna do Triel. O nome do vapor ficou na toponimia local


    O xoves 17 téntase por fin, aproveitando a marea chea das dúas da tarde, colocar o "Trier" en condicións de saír do lugar no que se achaba. O vapor, facendo funcionar a súa máquina e auxiliada polo "Newa", voltaría a recobrar en parte a súa primitiva posición, mais de maneira incompleta. Coa achicadura das bombas, a auga diminuiría considerablemente e a carga xa se extraera por completo. No entanto, o navío, se ben aboiaba, non o facía tanto como se agardaba. O capitán do "Newa", decatándose de que só co seu barco o "Trier" non sairía da Gaianda, requere á súa armadora outro barco, decidindo a compañía enviar o "Herakles", un remolcador de maior potencia que o "Newa e que contaba, alén diso, con aparellos para este tipo de traballos. Mesmo así, o "Newa" fai outra tentativa de remolque na madrugada do sábado. Ás tres e cuarto, hora na que a marea tiña chegado á súa máxima altura, comezaron a funcionar as bombas e o remolcador deu avante, fixo virar a hélice, os cabos cos que se daba o remolque puxéronse en tensión e o "Trier" principiou a avanzar lentamente. O percorrido acadado non sería longo (oito ou nove pés), mais a manobra faría renacer en todos a confianza en que o vapor alemán sería posto a salvo coa axuda do "Herakles".

    Neste mesmo día, facía escala no porto da Coruña o vapor "Alfonso XIII", da Transatlántica española, e sae rumbo á Habana coa pasaxeira Elda Cooper (que viña no "Trier" en primeira clase).

    O "Herakles" chega á cidade herculina pouco antes das sete da tarde, no domingo, e ás dez da noite, aproveitando que o ceo estaba limpo e a noite bastante clara, diríxese cara a Suevos mais, o mal estado do mar e o forte vento do nordés, imposibilitarían toda clase de preparativos durante uns días.

     O mércores, 23 de xullo, por fin se leva a cabo o tan ansiado remolque, que desde había xa bastante tempo, se tentaba dar ao "Trier". O vento calmara e ás catro e media da tarde, aproveitando a marea viva, comezan os traballos. Había que conseguir que o buque flotase para facelo saír das rochas que o aprisionaban pola parte central. Principiouse por facer funcionar as bombas de achicadura, suxeitáronse as amarras das vitas da popa ás da popa do "Newa", mentres que nas vitas de proa se amarraron algúns cabos que lanzara o "Herakles", pretendendo conter o "Trier" na dirección do canal e impedir que fora empurrado polo mar cara a terra. Fíxose funcionar, ademais, a máquina do vapor alemán para dar maior impulso e facelo saír da "cama" que lle formaran as rochas. Todo sería inútil: o "Trier" non se movería nen un metro, polo que as esperanzas de que saíra da Gaianda, comezaban a fraquear. Non obstante, os capitáns do "Newa" e do "Herakles", así como o resto dos oficiais, non desesperan e pensan na opción de dinamitar as rochas que detiñan ao barco. O peor era que cumpría agardar á lúa nova para que as mareas subisen abondo.

    En vista de que os esforzos realizados non deron resultados positivos, acórdase que 35 dos 57 tripulantes do barco alemán regresen a Bremen e para isto telegráfase a Vigo co obxecto de que se envíe á Coruña o vapor "Pfalz", que regresaba de Buenos Aires con pasaxeiros para Galiza e Alemaña.

Imaxe da Furna do Triel

    Case un mes despois da última tentativa, o martes 19 de agosto, téntase un novo remolque. Había uns días que tiñan organizado os preparativos para levalo a cabo, decidindo colocar o barco na súa primitiva posición, xa que os técnicos consideraban que o lugar no que quedara, despois dos remolques anteriores, era moi perigoso. Pretendían tamén, colocalo de tal maneira que os mergulladores pudesen recoñecer a quilla e tapar os furados que había. Principiaba o enésimo remolque. O "Newa" e o "Herakles" traballaban con fé. As bombas funcionan durante bastante tempo, até que conseguen despexar toda a auga que contiña o barco, e así deixalo aboiando. Xa a seguir, os remolcadores dan varios puxóns e por fin o "Trier", despois de cabacear durante un anaco, avanzou lentamente uns 15 metros. Trataron entón de obrigarlle a marchar de lado, mais infelizmente, o casco volta a bater nun baixo, o que provocaría a suspensión do remolque. Uns momentos despois, os mergulladores examinan a nova situación do barco e, após as oportunas comprobacións, chégase á conclusión de que o "Trier" non sairía de entre as Gaiandas máis que en anacos. As persoas que coñecían perfectamente esta parte do Atlántico viñan predecindo tempo atrás o que finalmente tiña que acontecer. A marusía dos últimos días de agosto de 1902 causaría tais destrozos no "Trier" que lle fendería totalmente a parte plana da quilla. O vapor alemán estaba alagado por completo e a auga xa cubría a máquina. Neste estado, era imposible o salvamento. A triste nova da perda total do barco seríalle comunicada o 31 de agosto á dirección da Lloyd en Bremen, decidindo a compañía vendelo en poxa.

    O xoves, 4 de setembro, o capitán Gehrke e o primeiro oficial A.M. Loewe saen para Alemaña no tren-correo acompañados do inspector que a Lloyd enviara a Suevos. O resto da tripulación, uns 23 mariñeiros, excepto o cociñeiro (que era galego), partirían para Bremen o martes 9 no vapor "Wittemberg", que procedía de Lisboa. O cociñeiro José Canosa, despois de pasar uns días coa súa familia, embarcaría días máis tarde no "Schleswig".

    Ás doce da mañá do 9 de setembro de 1902, iniciaríase a poxa do "Trier" no Consulado alemán na Coruña, sendo o seu prezo de saída 25.000 pesetas. Había 49 persoas presentes, moitas delas axentes de negocios de Bilbo, Cádiz e Vigo. Após unha hora de poxa, adxudicábase o navío, como mellor postor, a José Teijeiro, veciño de Santa Marta de Ortigueira, polo valor de 110.500 pesetas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario